Sunday 19 de May de 2024

Aberta a inscrición para o III Trail Concello de Miño, que terá lugar o domingo 19 de novembro


● Hai tres modalidades de participación: trail Longo, trail Curto e andaina.

● Este ano o evento volve apoiar á asociación ‘querENDo, mulleres con con endometriose’ para visibilizar esta enfermidade que padecen máis de 60.000 mulleres galegas.

O III Trail Concello de Miño ‘Boucelo San Ramón’ xa ten data: celebrarase o domingo 19 de novembro. A proba está organizada polo Concello de Miño e o Club Trail Running Galea Sport, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, e as inscricións estarán abertas na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o luns 13 de novembro.

Hai tres modalidades de participación: o Trail de longa distancia (23,2 quilómetros, un desnivel positivo aproximado de 885 metros e un 95% do trazado son camiños de terra e sendas), o de curta distancia (13,3 quilómetros, un desnivel de 450 metros e un 90% do trazado son camiños de terra e sendas) e a andaina (12,6 quilómetros , cun desnivel de 410 metros e que discorre un 90% do trazado por camiños de terra e sendas).

Apartado solidario

A proba está aberta a todas as persoas que desexen participar, xa sexan atletas federados ou non, e o seu carácter será popular. Ademais, este ano a asociación ‘querENDO, mulleres con endometriose’ volve formar parte da carreira co obxectivo de visibilizar esta enfermidade que padecen máis de 60.000 mulleres galegas. Previamente á celebración do Trail, e o mesmo día, realizaranse actividades dentro da campaña ‘Trail Miño 2023 pola endometriose’ e na meta instalarase un punto de información.

Por tanto, na páxina web www.carreirasgalegas.com existirá a posibilidade de inscribirse co ‘Dorsal 0’, a través da que se poderá facer un donativo sen necesidade de participar na carreira. A recadación do dorsal 0 irá destinada integramente á organización querENDO.